Abre o prazo para solicitar as axudas á compra de libros de texto e material escolar ou acceder ao fondo público | Mesia Unida

Abre o prazo para solicitar as axudas á compra de libros de texto e material escolar ou acceder ao fondo público

As familias dispoñen de prazo ata o 23 de xuño para presentar nos centros educativos as correspondentes solicitudes.

Poderá acceder ao fondo solidario de libros de texto o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria e dos catro cursos de ESO de centros sostidos con fondos públicos

O alumnado de 1º e 2º de Primaria e de Educación Especial poderá optar ás axudas da Consellería para a adquisición de libros, que varía entre 90 e 170 euros segundo a renda per cápita no primeiro caso; ou de 250 euros para o alumnado de Educación Especial

A maiores establécese un vale de 50 euros para a compra de material escolar, destinado a familias cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400 euros

Tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170522/AnuncioG0164-120517-0005_gl.html ), o prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende mañá ata o próximo día 23 de xuño.

O importe total habilitado pola Consellería para o financiamento das axudas e do fondo solidario ascende a case 12,4 millóns de euros a razón de 5,5 millóns para os vales de material escolar, 4,6 millóns para as axudas de libros de texto, e 2,14 millóns para a adquisición –por parte dos centros educativos- de libros de texto complementarios aos existentes no Fondo Solidario, co fin de garantir a súa dispoñibilidade ao alumnado cuxo nivel de renda lle dea dereito a dito fondo.

Destinatarios e tramitación

O vindeiro curso 2017/2018 o Fondo solidario de libros de texto estará accesible para o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. Nos restantes cursos -1º e 2º de educación primaria, e en educación especial- funcionarán as axudas para a adquisición de libros de texto. No caso do material escolar, convócanse axudas para a súa compra destinadas ao alumnado matriculado na educación primaria, ESO e educación especial.

As solicitudes poderá presentarse de xeito presencial nos propios centros docentes onde estea matriculado o alumno (con carácter preferente), ou ben nos rexistros oficiais establecidos para tal fin, co formulario cuberto e a documentación requirida.

No pasado curso a Consellería procedeu a integrar as tres modalidades (fondo axudas libros e axudas material) nunha única convocatoria, unificando tamén as fases de gravación, validación comprobación das solicitudes e documentación, o que simplificou tanto a actuación das familias como a xestión dos centros docentes (autonomía e flexibilidade para realización de trámites).

Fondo solidario

A asignación de libros de texto correspondente aos cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e toda a etapa de ESO (1º, 2º, 3º e 4º curso) farase, ao igual que nos dous anos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terán preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

De darse o caso de non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario para dar unha cobertura igual á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas, o centro adquirirá os libros complementarios que sexa necesario. O obxectivo é garantir que o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 5.400 euros e o que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) teña garantido o acceso a 6 libros, e que o que teña renda per cápita de entre 5.400,01 euros e 9.000 acceda a 4 manuais.

Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario, ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros, ben utilizados do mesmo fondo o ano pasado, ben adquiridos con cargo á convocatoria de axudas para a compra de libros de texto.

Axudas para a compra de libros

Estas axudas da Consellería están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e o alumnado matriculado en Educación Especial. As contías, as condicións e os requisitos para a adquisición de libros de texto mantéñense invariables respecto do curso 2016/2017.

Así mesmo, mantense que, o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 250 euros, con independencia da renda per cápita familiar.

Para o resto dos casos, os tramos de renda e as súas correspondentes axudas son as seguintes:

Educación Primaria:

Renda per cápita familiar ata 5.400,00 euros: 170 euros
Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000 euros: 90 euros

Non obstante, os menores que se encontren en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirán a axuda máxima (170 euros), e non terán que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

Axudas para material escolar

Os destinatarios das axudas para material escolar son todo o alumnado matriculado en educación primaria e de ESO cuxo umbral de renda per cápita familiar sexa igual ou inferior a 5.400 euros, e a contía da axuda será de 50 euros.

No caso do alumando en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.

Datos curso 2016/2017

No curso 2016/2017 concedéronse un total de 52.608 axudas á adquisición de libros de texto e 98.816 axudas para a adquisición de material escolar. Ademais, o fondo solidario de libros de texto distribuíu un total de 465.629 manuais, dos que só foi necesario adquirir o 13,73%.

Neste sentido cómpre agradecer ás familias a súa colaboración para o axeitado funcionamento do fondo solidario, que beneficia ao conxunto do sistema educativo. De feito, no curso 2016/2017, houbo 289 alumnos non puideron acceder ao fondo por non teren devolto os manuais esixidos do curso anterior.

Artigos similares

NOTA DE PRENSA: Resposta ... Ramón Barreiro, representando ao Sindicato Labrego dentro da Comisión de seguimento da Minería na zona de Mesía e en Defensa do Rural,  unha vez analizado o comunicado
Temos seixo azul, de moit... Temos seixo azul, de moito valor, sábeno ben os noruegueses e os chineses” Mesía Unida responde a oferta da Erimsa de renunciar ao dereito de expropiación. “Os
Axudas destinadas ao alum... PRAZO DE PRESENTACION Prazo de presentación de solicitudes: 30/01/2016 – 01/08/2016 OBXECTO O obxecto desta orde é convocar axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao
Catastrazo na contribuci... A revisión catastral que se está desenvolvendo en Galicia, tanto no Catastro de Urbana como no de Rústica, terá un impacto importante sobre os bens inmobles do
Lídia Senra denuncia na ...   Lídia Senra denuncia na UE o proxecto mineiro de Erimsa que elimina postos de traballo na comarca de Ordes BY AGEE · 2 ABRIL, 2017 Rexistra
Industria do Concello sin... Cando esiximos os contribuientes o que non se aplica o mesmo concello en si mesmo, mala señal. Calquer empresa ou persoa teria que pedir permiso con Lizenza
Abre o prazo para solicit... As familias dispoñen de prazo ata o 23 de xuño para presentar nos centros educativos as correspondentes solicitudes. Poderá acceder ao fondo solidario de libros de texto
o seixo Azul de xanceda PREZO DO SEIXO AZUL Parece que nas terras de Xanceda, Olas, Mesia e parte de Frades, entre outras, temos Seixo Azul, algo de moito valor no mercado
FERNANDO GARCIA LESTA ... Fernando Garcia Lesta vive en Lanza, e o de casa ZAPATEIRO, o das empanadas entre outras cousas, ahora enteramonos que e o concellal de Medio Ambiente en
A Xunta concede axudas pa... O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, acaba de publicar no DOG a resolución que establece axudas para a

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *