Turismo de Galicia aposta pola cooperación cunha nova liña de axudas para a creación de iniciativas innovadoras conxuntas | Mesia Unida

Turismo de Galicia aposta pola cooperación cunha nova liña de axudas para a creación de iniciativas innovadoras conxuntas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, anunciou a convocatoria dunha nova liña de subvencións destinada á cooperación entre pequenos operadores turísticos para organizar procesos de traballo conxunto e compartir instalacións e recursos, así como para o desenvolvemento e a comercialización do turismo.

Segundo explicou a responsable de Turismo da Xunta, o obxectivo desta liña de axudas dotada de máis de 600 mil euros é fomentar a coordinación entre pequenos operadores económicos das áreas rurais para permitirlles adquirir en común unha escala económica da que carecen individualmente.

Os requisitos destas iniciativas é que a participación destes axentes estea vinculada a microempresas e que o proxecto teña unha orientación comercial. A directora de Turismo de Galicia sinalou que con estas subvencións prestarase apoio a aquelas actividades que poñan en valor e dinamicen economicamente as zonas rurais a través da oferta conxunta de dous ou máis operadores turísticos.

Así, os proxectos subvencionables consistirán no deseño, creación promoción e comercialización de produtos turísticos de Galicia e as actividades deberán ser realizadas no ámbito rural de Galicia, é dicir, fora dos sete núcleos de poboación máis grandes da nosa comunidade -A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago-.

Os produtos turísticos obxecto das axudas terán que ter carácter innovador e deberán axustarse a algunha das seguintes liñas temáticas: produtos cabeceira de marca de Galicia, produtos destinados á creación de oferta de turismo familiar ou senior, produtos destinados á xeración dunha oferta distintiva que se acomode ao concepto “que facer en Galicia cando chove”, produtos ou rutas innovadoras e de descubrimento de novos nichos de mercado, produtos construídos baixo a idea da “cultura celta de Galicia” ou produtos baseados na creación de fins de semana, pontes ou outros períodos temporais de carácter temático.

Ademais, inclúense os produtos que articulen unha proposta de aloxamentos coordinados entre si para realizar por etapas os distintos Camiños de Santiago en Galicia, incluíndo servizos de manutención e transfers que faciliten un paquete integral aos peregrinos.

Así mesmo, no marco da acción ‘Máis aló do Camiño’ incluída no Plan Director do Camiño de Santiago, inclúese a creación e promoción de paquetes turísticos que incentiven aos peregrinos a quedarse na nosa comunidade para coñecer outros aspectos da súa oferta turística distinta da Ruta Xacobea.

A concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva valorándose de maneira positiva que as empresas implicadas na iniciativa sexan máis de dúas, que os produtos contribúan a desestacionalización do turismo galego, que a empresa solicitante certifique o seu compromiso pola calidade, a oferta de produtos turístico accesibles así como a innovación e a singularidade.

A intensidade da axuda acadará como máximo o 70% non pudendo superar a contía dos 30.000 € e serán gastos subvencionables a edición de folletos e outros soportes de promoción e difusión, a organización de xornadas e realización de campañas de promoción, as viaxes de promoción e familiarización, o desenvolvemento das TICs na xestión así como o material inventariable –bicicletas, parques infantís, material deportivo, educativo, equipamento de oficina, envases ou packaging- e funxible derivado da posta en marcha dos novos produtos.

Impulso da calidade turística
Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia anunciou a convocatoria da liña de subvencións anual para o impulso, promoción e apoio ás iniciativas de calidade necesarias para cumprir os esixentes estándares fixados polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) para a obtención ou renovación da Q de Calidade Turística.

Os conceptos obxecto desta axuda, que mantén o seu crédito de 90.000€ para este ano, son aqueles procedentes de colaboracións externas e servizos asociados aos procesos de certificación como os custos de auditorías externas realizados por entidades auditoras acreditadas polo ICTE ou custos derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2016, unha vez acadada a certificación ou renovación do establecemento.

As subvencións concederanse en réxime de concorrencia competitiva sendo os criterios de valoración: a localización do establecemento, valorándose positivamente que estea situado nun municipio declarado de interese turístico ou nun municipio que desfruta ou desfrutou dun plan de dinamización, excelencia, de produto turístico, competitividade ou SICTED; o período de funcionamento do establecemento e o compromiso do establecemento coa calidade, coa sustentabilidade e/ou coa xestión da accesibilidade.

Segundo destacou Nava Castro, no pasado ano 2015, un total de 170 negocios e centros de hostalería, restauración e lecer do territorio galego obtiveron estas axudas da Administración Turística galega para a obtención ou mantemento da certificación Q de Calidade Turística.

Artigos similares

Axudas á reposición de ...   PRAZO DE PRESENTACION Prazo de presentación de solicitudes: 31/12/2015 – 30/11/2016  OBXECTO O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar para o ano
Alcalde oculta informaci... Alcalde oculta información para favorecer mina, alertan veciños Na zona de Mesía – Xanceda, preto de Ordes, hai poucos motores económicos máis aló da gandaría, sobre todo
O ALCALDE NEGASE A CONTES... Mariano Iglesias  Alcalde de Mesía Este señor ten historia e esta marcando historia en Mesía, ainda que non e da boa, o negarse a informar os veciños de
Os gandeiros de Ordes ale... Aquí vos deixamos unha entrevista feita a Maria Vieites, coordinadora do Sindicato Labrego en Ordes falando sobre as minas que pretenden levar a cabo Erimsa en Xanceda
MESIA FORMA COMISION DE S...
Sometemento a informació... Aquí vos deixamos a RESOLUCIÓN do 13 de febrero de 2017, da Xefatura Territorial de A Coruña, pola que se someten a información pública o proxecto de
Rexeitado por Medio Rural... A parcela na que se propón a súa construción está catalogada como solo especial de protección agropecuaria O polémico vertedoiro de residuos non perigosos de Lesta promovido
O primeiro pobo que, coa ... El pueblo que decidió dejar el oro bajo tierra Durante 300 años, la leyenda de la Ciudad de los Césares de la Patagonia enloqueció a guerreros y
IMPACTO MINEIRO Galicia comenzará a cobrar un canon a las empresas mineras por su impacto ambiental Desarrolla, tras tres años, la orden que permitirá ingresar el tributo JOSE MANUEL
Axudas de compensacións ... PRAZO DE PRESENTACION Prazo de presentación de solicitudes: 31/12/2015 – 30/11/2016 Desde o día seguinte á data de publicación desta orde no DOG ata o día 30

Un comentario

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*